martes, 11 de marzo de 2014

 

EMPRENDEMENTO E HORTA ECOLOXICA: 

OPORTUNIDADES... PERIGOSAS?


 



 

AS OPORTUNIDADES...


Non descubrimos nada: Galiza esta en crise. Nada novo. O casi. Casi, porque esta a xurdir a idea de emprender para saír da situación de paro: a xente ten que buscar oportunidades no autoemprego. O emprendemento esta ben de moda; proba diso é o feito de que no último mes, o 80% da baixada de parados debeuse á altas de autoemprego. Con medidas de apoio gubernamental amplamente difundidas a golpe de repeti-lo unha e outra vez, o certo é que emprender estase a converter na única solución aparente para parados de longa duración ou titulados sen experiencia. Mesmo semella que se non o fas, é persoa ben paradiña e sen iniciativa, vamos.

No noso país, a verdade é que temos oportunidades claras. As persoas que no seu día emigraron á cidade, quen para facer de albanel, fregar pisos ou calquera outro oficio digno -que se suponía daquela- atópanse agora nunha situación de desemprego moi delicada. A volta á aldea é unha vía de saída. Quen máis, quen menos, mantivo ligazón coa aldea, e agora, quen máis, quen menos, ten unha terra, para "facer algo".

Dentro das posibilidades, a horta ecolóxica é actualmente moi atractiva. O consumo ecolóxico que despegou dende vai anos noutros lares está empezando a moverse na Galiza, como era de agardar. E non son poucos os mozos e mozas, e non tan mozos e mozas, que se achegan con idea de montar unha horta ecolóxica.

... DA HORTA ECOLÓXICA...

Os mozos e mozas que traballaron sempre na explotación van tirando habitualmente noutra dirección, teñen a situación algo máis resolta ou definida. Quen achegase á horta ecolóxica adoita ser máis ben desempregado da cidade que rotorna ao campo, e/ou fillos e fillas de labregos que nunca pisaron a terra, ou só para coller as patacas. Sen coñecemento sobre o traballo do campo, a comercialización ou a xestión dunha pequena iniciativa empresarial. E niso que teñen as veces moitas ganas de aprender.


Non lles falta oferta formativa. Da agricultura ecolóxica, ao mellor se vive; pero dende logo, vívese mellor de falar dela, ou dando cursos. Neste intre, as accións de formación son dos poucos fondos que non recorta tanto a Administración, polo maior beneficio de entidades empresariais, sindicais, asociativas ou privadas, que se dedican á impartir cursos (que non quer dicer "a formar a xente"). Evidentemente, namentres una persoa estea nun curso, non consta como parada, benditos cursos e plans de emprego.

Sobre contidos, mellor non falarmos... O "copiar-pegar" funciona a pleno rendimiento, sen sentido. Así, todos os futuros horticultores ecolóxicos galegos aprenden relixiosamente que aquí hai que usar as berenxelas como plantas trampa do escarabello das patacas. Como que na Galiza plantamos isto á vez, vaia, vaia... Iso sen contar con San Interné, fogar do coñecemento con sentido no común. Ou contando con estudos tan ben documentados que lle dan á horta ecolóxica poco menos rendibilidade co imperio Zara, ou que afirman sen rubor que quen merca produtos ecolóxicos son maioritariamente varóns de 45 anos. En fin, era para sacar as perlas más cantantes...

Para colofón, unha ampla difusión de prácticas -que non técnicas- que mesturan descoñecemento, natureza e relixión, esoterismo e filosofías, mediante as cales un aprende a sacar un soldazo cultivando tres macetas en casa. Iso sí, ecolóxicas i éticas a máis non poder.


...ALGO MOI PERIGOSO

Indo ao concreto: sen formación ou, pior, con unha deformación total sobre as posibilidades reais de tirar para adiante con unha horta ecolóxica para sacar un soldo, o risco de lanzarse en proxectos sen futuro é ben real. I é un risco terríbel.

Axudas a emprendedores; pagamento único dos dereitos de paro; investimentos... todo isto para montar aventuras que non han de ser viábeis, a prol de ter "emprendedores", para que baixen as cifras do paro. Proxectos viábeis nos papeis para pedir subvencións, pero non na realidade. Isto é o risco. Montas o teu negocio, a túa horta, matas-te o lombo, as costas e a cabeza, e tamén as da familia; sen contar os avales ou préstamos que lle pediches a esa mesma familia. E todo isto para que? Para ir pechando dentro de 3 anos e voltar en situación aínda pior que cando empezaches todo? E porque? Seica por mor de quen fomenta emprendemento por riba de sustentabilidade futura da empresa, con tal de baixar estatísticas? Ou coa axuda cómplice de quen te cobra só por tramitar papeis?

Seica semella crueldade, pero isto é o risco real, ben real, do emprendemento en horta ecolóxica, hoxe.

O noso papel como asesores é facer proxectos viábeis no tempo, facer que as persoas podan conseguir os seus obxectivos no longo prazo. Por iso, non nos cortamos en botar á xente para atrás, para evitar os auténticos desastres e catástrofes que nos augura este fomento despiadado do emprendemento, en especial ligado á produción ecolóxica.

E isto, que conste, a prol do desenvolvemento da produción ecolóxica, evidentemente. Non é, pois, unha postura pesimista, senón todo o contrario: puxar por proxectos con futuro, animando as iniciativas con porvenir.

1 comentario: