martes, 9 de xuño de 2015

Que conclusións sacamos do Salón da herba?




O día 3 de xuño, marchamos un grupo de gandeiros e técnicos (ningunha muller, evidentemente: á igualdade de xénero, aínda lle queda camiño por percorrer...)... Digo, un grupo de gandeiros e técnicos visitamos o salón da herba, en Bretaña. Unha feira dedicada única e exclusivamente a todo canto rodea a produción de herba nas explotacións gandeiras.

Non imos dar aquí detalles sobre as interesantes cousas que puidemos ver, imos ir colgando pouco a pouco algunhas fotos ao longo dos vindeiros días, neste enlace.

Hoxe, presentaremos as conclusións da viaxe:

  • A produción de herba deixou de ser unha cuestión de sistemas extensivos
Na edición anterior do salón, a que fóramos tamén, aparecía como unha feira máis ben alternativa, con unha orientación hacia explotacións extensivas, mesmo ecolóxicas. Material de dimensións modestas. Ambiente comercial, pero non agresivo. A impresión era como estar en familia.



A evolución foi notábel. Nesta nova edición, había claramente menor presencia de stands ligados ás producións extensivas, pastoreo e ecolóxicas. A maquinaria era de moito maior tamaño. O plantexamento claramente máis convencional: no contexto da nova PAC (greening + fin das cotas + volatilidade de prezos), esta claro que se aposta pola redución de custos, o que aporta a herba.


  • Protagonismo das mesturas múltiples
Queda claro o aumento das mesturas múltiples, que incorporan xa non só unha leguminosa e unha gramínea, senón varias de cada unha, e ademáis varias variedades de cada especie. Así, atopamos mesturas con varios raigrás, varios trévos, dactilo, festuca, plantago, loto, fleo... Eso era unha vella reivindicación do enfoque ecolóxico, que afirma que a bio-diversidade, traducida en varias especies e variedades nun prado, é un factor de equilibrio da produción de herba (fronte aos aleas climáticos entre anos), e tamén de equilibrio da dieta, dado que a diversidade expresase en unha dieta máis variada: hai menos necesidade de complementos minerais e vitaminas no concentrado.

  • Protagonismo de novas especies


Identificamos na edición anterior a presenza de achicoria en mestura anual. Agora, practicamente todas as casa ofertan mesturas pratenses de longa duración con achicoria e lingua de ovella. De novo, apréciase a influenza do coñecemento ecolóxico, que xa dende vai boa citaba o plantago como fonte de minerais e as compostas como proteción fronte a parásitos...


  • Cambios na maquinaria: máis rolos, menos montón

Detectamos unha redución da presentación de maquinaria para o silo a montón (picadores), fronte a un moi notábel incremento da oferta de maquinaria para rolos: enroladoras, enroladoras-encintadoras, remolques, pinzas.

Pola outra banda, apareceron os autocargadores de grande tamaño para recollida e distribución automática de herba verde.






e o último:

aínda nos queda moito para saber sobre produción de herba...