martes, 15 de setembro de 2015

CANTO CUSTA PRODUCIR UN LITRO DE LEITE? DENDE LOGO, NON 0.276€/LITRO!










Metidos en pleno conflito do leite, non nos faltan datos nos medios de comunicación para dicirnos canto deben cobrar os produtores e produtoras. Pero a información publicada hoxe por un medio de comunicación roza xa o esperpento máis espectacular!

Cito textualmente: producir un litro de leite custa 0,276 “coste de producción en granja”. Que barbaridade!

Xestión Agrograndeira e Natureza SL leva máis de 20 anos traballando en xestión de explotacións gandeiras, estudando custos de produción. Os gandeiros e gandeiras que traballan con nós non son dos que teñen os custos de produción maiores, xa que, precisamente, están estudando detalladamente os seus custos de produción para ir reducíndoos. Pois miren por onde, o custo de produción medio, con todos os custos incluídos, no ano 2014, foi de 0,3705€/litro, ben lonxe dos 0,276€ publicados! 

Claro, se cadra quen traballa non debería cobrar nada polo su traballo: ao fin e o cabo, estamos en crise, non é? Pois aínda así, sen remuneración familiar, o noso custo é de 0,3394€/l!

Ou sexa, só cabe unha conclusión: quen afirma con rotundidade, dende a fama de ser un “experto” ou “experta”, que producir un litro de leite agora mesmo neste país custa menos de 0,30€/l non debe nin saber que o leite o producen as vacas. Nós, sí: é o noso traballo diario.

Esta clara a intencionalidade: inducir a pensar que os gandeiros e gandeiras se pasen un montón reclamando pagos de 0,34€.

Agora ben: que se pode producir o leite a 0,276€? e menos? Claro que si! Pero para isto, necesitamos base territorial, superficie, banco de terras, unha organización do sector, presión para que funcionen as mesas de negociación intersectoriais, formación de produtores e asesores, etc... E dicir fainos falta vontade política que pule por un sector produtivo básico da nosa economía. Pero seica neste país nos interesa máis facilitar que os cartos os leven os franceses, a través de Citroën, ou os madrileños do hospital agora privado de Vigo...



Xan Pouliquen Kerlau

Xerente de Xestión Agrogandeira e Natureza SL